Saturday 18 de May de 2024

A consellería de Infraestruturas e Vivenda inviste case 400.000 euros en axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia para este ano


Serán subvencionables os programas formativos que incidan nas principais materias de interese para os profesionais do sector

A consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia para este ano. As axudas van dirixidas ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes, como asociacións ou federacións de transportistas, co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo que se centrará nas materias de maior interese para o sector.

Para a realización destas actividades, a Consellería destina case 400.000 euros, que serán distribuídos entre aqueles plans formativos que acaden as maiores puntuacións nos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte, o seu menor custo ou a promoción do idioma galego.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 27 de maio de 2016.

A propia orde inclúe unha relación básica de cursos subvencionables, que se verá completada coa guía de referencia de accións formativas que se publicará na páxina web da dirección xeral (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160427/AnuncioG0423-150416-0001_gl.html).

As entidades que resulten beneficiarias poderán mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan transcendentais como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

No ano 2015, realizáronse 137 cursos ao abeiro destas axudas, dos cales se beneficiou un total de 2.171 alumnos, cifras que se esperan repetir ou incluso mellorar coa nova convocatoria.

Requisitos e prazo de presentación
As asociacións ou federacións interesadas terán que presentar a solicitude obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), que irá acompañada da descrición detallada dos cursos integrados no plan formativo para o que se pide a axuda.

Esta descrición deberá facerse nun documento electrónico en formato Microsoft Excel ou compatible, o cal deberá axustarse á estrutura e ao contido do modelo que, par tal efecto, proporcionará a Dirección Xeral de Mobilidade.